Luz verde aos primeiros investimentos do POS deste ano: 92,3 millóns para os concellos

Pleno do 26 de abril de 2019.
Pleno do 26 de abril de 2019.

O pleno da Deputación da Coruña  aproba as primeiras 328 obras do Plan Único 2019 nos concellos da provincia.

Luz verde aos primeiros investimentos do POS deste ano: 92,3 millóns para os concellos

O pleno da Deputación da Coruña aprobou onte por unanimidade o Plan Único (POS+2019). Unha inxección económica de 92,3 millóns de euros destinada a  financiar investimentos e mantemento de servizos públicos esenciais nos concellos da provincia. No pleno aprobáronse as primeiras 328 obras solicitadas polos propios concellos. Unha cifra importante que se incrementará notablemente ao longo do ano, pois os fondos do plan inclúen 39 millóns de euros adicionais incorporados a través de expedientes de modificación de créditos que aínda non teñen destino, pero deben destinarse a investimentos financeiramente sostibles durante este exercicio.

 

O POS+2019 destina ademáis un 20% do seu orzamento (19 millóns de euros) ao sostemento de servizos públicos esenciais coma o alumeado público, a recollida de lixo e a limpeza viaria en 80 concellos coruñeses; 1,2 millóns á redución da débeda municipal e algo máis de un millón de euros a axilizar o pago a provedores dos municipios. O deputado responsable da área de Plans, Xosé Regueira, detallou os investimentos do Plan, “que permitirán a execución de 328 obras e a redución da débeda municipal en 17 concellos por 1,2 millóns” e sostivo que “é unha boa noticia da que temos que estar orgullosos”.