Lingua e Memoria. A perspectiva histórica e a perspectiva psicosocial.

Abalde, Otero, Sanmartín e Míguez, antes do comezo das palestras.
Abalde, Otero, Sanmartín e Míguez, antes do comezo das palestras.

Segunda xornada do programa Malas Linguas.

Lingua e Memoria. A perspectiva histórica e a perspectiva psicosocial.

Especialistas en normalización lingüística participaron hoxe na segunda das xornadas Malas linguas, un evento organizado pola área de Lingua da Deputación da Coruña para abordar a situación do galego e o decorrer da transmisión familiar da lingua. 

 

Goretti Sanmartín enmarcou hoxe a necesidade de falar da memoria da lingua para reactivar falantes na segunda das xornadas Malas linguas. “A memoria é, para a Deputación da Coruña, un eixo fundamental da nosa acción de goberno ”, explicou. E incidiu en que estamos “nun momento no que volven os mesmos argumentos que hai anos pensabamos que tiñamos desbotados; porén podemos aprender moito da historia recente por que volven certos debates e como superalos”.  

 

Os historiadores Antonio Míguez Macho e Encarna Otero fixeron un percorrido polo terror infundido polo franquismo, especialmente contra a poboación infantil no contexto da escola. Encarna Otero explicou os avances do ensino, desde as Irmandades da Fala ata o florecemento dos anos 30, que se viron truncados co franquismo, “no 1936 todos os avances quedan asulagado nas gabias". Míguez Macho, pola súa banda explicou que o franquismo foi un proceso xenocida, definido como un exercicio de cauterización diante do que viña enriba, suxeitos que estaban fóra da orde que os verdugos quixeron restaurar, a través dunha violencia que foi sistemática e unilateral”. 

 

O trauma foi o tema da segunda mesa de debate, formada pola psicóloga e educadora Iria García Martínez e o profesor e escritor Marcos Abalde Covelo. García expicou desde unha perspectiva clínica o xeito no que a experiencia e a emocionalidade, así como os procesos traumáticos, se transmiten no seo da familia. Abalde falou dos procesos de exterminio lingüístico e terrorismo de estado que foron da man a partir do ano 1936, percorrendo as consecuencias dese trauma colectivo que chegaron ata hoxe, comparándoo cos casos doutros lugares do mundo que tiveron procesos con certas semellanzas.