IGUALDADE

A Libraría de Mulleres Lila de Lilith, mellor Iniciativa Cultural pola Igualdade

O xurado do Premio Begoña Caamaño, na sede da Deputación.
O xurado do Premio Begoña Caamaño, na sede da Deputación.

Un xurado composto por Mª Xosé Porteiro, Encarna Otero, Mª Xesús Nogueira e Camiño Noia, coa xefa de servizo Mercedes Fernández Albalat como secretaria e a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei, en calidade de presidenta, decidiu esta mañá por unanimidade premiar á Libraría Lila de Lilith como gañadora do I Premio Begoña Caamaño á mellor Iniciativa Cultural pola Igualdade.

A Libraría de Mulleres Lila de Lilith, mellor Iniciativa Cultural pola Igualdade

A "única libraría feminista de Galiza" a Lila de Lilith converteuse na gañadora desta primeira edición do Begoña Caamaño por ser "punto de encontro e traballo dos feminismos" e pola súa "aposta económica en momento de crise en que a actividade feminista e cultural era escasa, que contribuíu a dinamizar urbanística e economicamente a súa contorna demostrando que o feminismo é unha alternativa que xera traballo e riqueza cunha demanda consolidada no tempo", segundo a acta do xurado.

 

Creada no outono do ano 2011 en Compostela, a Lila de Lilith defínese como unha libraría "de mulleres, feminista, que realiza un inxente labor cultural de divulgación literaria e científica de textos, música e obxectos de artesanía feitos por mulleres", segundo a proposta da candidatura (houbo máis de vinte propostas), que tamén salienta un incesante labor diario "vinculado intimamente co feminismo e co pensamento das mulleres, de tal maneira que hoxe é xa toda unha referencia a nivel feminista e non só para o pobo de Compostela, senón para toda Galiza".

 

O premio, en memoria da xornalista, escritora, activista cultural e feminista galega Begoña Caamaño, ten como finalidade recoñecer as persoas e iniciativas culturais e artísticas que promoven socialmente a igualdade de xénero desde o campo da cultura, e conta cunha dotación de 6.500 euros.