Goretti Sanmartín urxe ao director da Memoria Histórica para que se presente a demanda por Meirás

Goretti Sanmartín con Carlos Babío, investigador sobre o espolio do Pazo.
Goretti Sanmartín con Carlos Babío, investigador sobre o espolio do Pazo.

Manifesta a "sorpresa" polos argumentos da xuíza no caso das estatuas de Mestre Mateo e di que o caso non ten "que afectar en absoluto" ao proceso para recuperar o que foi residencia de verán do Xefe do Estado

Goretti Sanmartín urxe ao director da Memoria Histórica para que se presente a demanda por Meirás

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, dirixiuse de novo ao Director Xeral da Memoria Histórica do Goberno Central para instalo a iniciar a demanda para recuperar o Pazo de Meirás para patrimonio público. Reclámalle "celeridade e decisión" para botar a andar un proceso para o que, segundo apuntou, "existen argumentos reais e probas contundentes que nos achegan os informes xurídico e histórico encargado a instancia da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás".

 

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, institución promotora da creación da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, Goretti Sanmartín Rei, recórdalle ao Director Xeral da Memoria Histórica, Fernando Martínez López, a "urxencia e necesidade" de iniciar desde o Goberno Central o proceso xudicial para recuperación do inmóbel en mans da familia Franco para o Patrimonio Nacional.

 

Na súa nova carta dirixida a Fernando Martínez, Goretti Sanmartín mostra preocupación pola falta de resposta da Dirección General de la Memoria e afirma que tanto o informe histórico -elaborado por un equipo de investigación dirixido polo profesor Emilio Grandío- como o xurídico -redactado baixo a dirección do profesor Xabier Ferreira- achegan probas contundentes que confirman a propiedade pública do inmóbel e a condición de contrato simulado o documento de compra por parte de Francisco Franco polo que "hai razóns para iniciar un proceso xudicial exitoso".

 

Na súa carta, Goretti Sanmartín afirma tamén que a recente sentenza xudicial que desestima a demanda do Concello de Santiago de Compostela para a devolución das dúas estatuas de Mestre Mateo "non debe afectar nin paralizar a decisión política de recuperar a propiedade que é pública e responde a unha demanda social de décadas".