NORMALIZACIÓN

"O galego: a miña lingua propia" promove o idioma entre a mocidade de 43 concellos

A vicepresidenta da Deputación promove a campaña.
A vicepresidenta da Deputación promove a campaña.

A Deputación fomenta o uso da lingua galega cunha campaña protagonizada por persoas relevantes en diversos ámbitos.

"O galego: a miña lingua propia" promove o idioma entre a mocidade de 43 concellos

Até o día 26 de xaneiro está o prazo de presentación de propostas para concorrer á convocatoria de realización da campaña de promoción da lingua da Deputación da Coruña, O galego: a miña lingua propia.

 

A iniciativa, dotada cun orzamento de 181.500 euros, consistirá na celebración de actividades e relatorios con persoas relevantes do mundo da música, o deporte, a escrita, a danza e outras, que sexan referentes para os mozos e mozas da provincia e que, pola súa actividade, amosasen o seu compromiso co lingua galega. Os relatorios buscarán valorizar e dignificar o uso da lingua entre a mocidade.

 

"A campaña busca que persoas referentes en distintas disciplinas mostren o seu orgullo de teren unha lingua propia e contaxien as xeracións máis novas a vontade de falar e o prestixio da lingua", indicou a responsábel da área de Lingua da Deputación, Goretti Sanmartín, na presentación desta mañá.

 

Un total de 43 concellos son beneficiarios da subvención para contratar persoal técnico de normalización lingüística. Entre os municipios en que se han desenvolver estas actividades están: A Baña, A Coruña, A Pobra do Caramiñal, Abegondo, Ames, Arteixo, Arzúa, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Carnota, Carral, Cedeira, Cee, Culleredo, Dumbría, Ferrol, Fisterra, Melide, Miño, Muros, Narón, Oleiros, Oroso, Outes, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Sada, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo e Vimianzo, así como a Mancomunidade de Ordes (Cerceda, Ordes, Frades, Trazo, Tordoia e Mesía).