IGUALDADE

A diagnose sobre Igualdade apunta a necesidade de artellar políticas transversais

Ánxela Franco durante a presentación de Compartimos Plan, a finais do ano pasado.
Ánxela Franco durante a presentación de Compartimos Plan, a finais do ano pasado.

O proxecto “Compartimos Plan” promovido pola área de Igualdade que dirixe Ánxela Franco avanza os primeiros resultados da investigación.

A diagnose sobre Igualdade apunta a necesidade de artellar políticas transversais

O proxecto que está a desenvolver a Deputación da Coruña, atópase nestes momentos na súa fase de diagnose, na análise das informacións recompiladas por medio de entrevistas e cuestionarios ao persoal das administracións locais e da provincia, ademais de preto dun milleiro de enquisas realizadas á poboación. A impulsora do proxecto, a deputada nacionalista Ánxela Franco, explica que “os resultados que estamos obtendo mostran que existe un interese social pola loita pola igualdade e que existe unha percepción de que os recursos son deficitarios”. 

 

Necesidade de políticas de igualdade
Os primeiros informes desvelan que a meirande parte do persoal da administración recoñece como unha necesidade primordial a elaboración de políticas públicas que transversalicen a igualdade de xénero na sociedade e nas propias administracións, ademais de considerar tamén como unha prioridade traballar na coeducación para a Igualdade e prevención da violencia de xénero.

 

Emprego
En alusión á promoción económica e emprego, os datos iniciais apuntan a que é preciso reforzar o traballo dirixido ao empoderamento das mulleres, promovendo condicións de traballo equitativas. Por outra banda, máis da metade das comarcas da Coruña salientaron que se precisa dun maior número de recursos para abordar actividades preventivas en contra da Violencia de Xénero.

 

Grado de sensibilidade
O proxecto tamén analizou o grao de sensibilidade de xénero que posúe o persoal das administracións. Neste ámbito, 8 de cada 10 persoas considera que a igualdade é un tema importante e necesario de abordar en tanto que 6 de cada 10  recoñecen que existen dificultades para identificar as desigualdades e os desequilibrios entre homes e mulleres.