CULTURA

Dez proxectos pola Igualdade a través da Cultura reciben apoio do premio Luísa Villalta

O xurado que seleciionou os dez proxectos culturais pola igualdade.jpg
O xurado que seleciionou os dez proxectos culturais pola igualdade.jpg


O primeiro concurso de Ideas Luísa Villalta de Proxectos Culturais pola Igualdade destina 174.000 euros a dez propostas que van de producións audiovisuais a iniciativas de recuperación da historia das mulleres pasando por un festival ou un catálogo de ilustradas.

Dez proxectos pola Igualdade a través da Cultura reciben apoio do premio Luísa Villalta

Un xurado composto pola xornalista e escritora, Ana Romaní, a directora de teatro Cristina Domínguez e a profesora e guionista Anxa G. Refoxo ademais das deputadas de Cultura e Igualdade, Goretti Sanmartín Rei e Ánxela Franco, coa xefa de servizo Mercedes Fernández Albalat como secretaria, seleccionou hoxe os dez proxectos.

 

A relación é a seguinte:

 

Primeiro FESTIVAL METROPOLITANO ELAS SON ARTISTAS (Villa González, Yolanda; 18.000 euros)

O proxecto pretende ofrecer a posibilidade de que moitas artistas de disciplinas diferentes, e tamén profesións do corpo técnico relacionado coas artes, teñan tempo para coñecerse e compartir a súa visión sobre problemas como acoso laboral, oportunidades de formación, boas prácticas. Inclúe un festival protagonizado por mulleres que se desenvolverá no mes de xullo en sete concellos da Coruña.

AS MULLERES E O MAR. TRABALLADORAS INVISIBLES NA COSTA DA MORTE (Socialdocs SL.; 16.000 euros)

O obxectivo xeral deste documentario consiste en amosar como o xénero inflúe na participación das mulleres nas actividades pesqueiras. Seguindo  un estudo realizado pola facultade de Ciencias da Saúde da UdC o documentario abordará a influencia das desigualdades de xénero nas ocupacións das mulleres que se adican a actividades pesqueiras na Costa da Morte.

POR MIN MESMA. MULLERES PIONEIRAS 2017 (Ares Campo, Iria; 18.000 euros)

Proxecto social, teatral e de barrio deseñado para a Agra do Orzán da Coruña que integra actividades teatrais e de debate participativo. Nace para dar voz a figuras femininas, que ante a realidade imposta por unha sociedade patriarcal, tiveron o valor de loitar por un dereito fundamental: a capacidade de decidir por elas mesmas.

ARTE+MULLER+GALICIA (Sarmiento Escalona, Rosario; 16.000 euros)

Poñer voz ás artistas galegas que durante moitos anos foron inexistentes para a historia, condenadas a ser mulleres do silencio é o obxectivo deste documentario. As artistas mulleres da Galiza contemporánea convértense nas protagonistas deste vídeo e as súas respostas e reflexións constitúen unha información moi valiosa sobre a problemática de ser artista e muller en Galiza.

A NENA AZUL. “MULLERES QUE CONTAN. NARRATIVAS FEMININAS DO EN A TRAVÉS DA CÁMARA (Sánchez Cachaza, María Sandra; 20.000 euros)

Dirixido por unha muller, escrito por dúas mulleres, filmado por outra muller e protagonizado por unha nena, o filme é unha historia de crecemento, deconfiguración dun “eu” feminino e dun imaxinario alleo a convencións e estereotipos. As autoras rematarán a curta e iniciarán un proceso de mostrala no territorio en que foi concibido, a Costa da Morte.

A SILENCIOSA REVOLUCIÓN DAS MULLERES DE VILASANTAR (Dias Porto Chiavegatto, Marina; 18.000 euros)

O proxecto quere contar a historia dos centos de mulleres que cambiaron a economía e organización social de toda unha comarca no inicio do século XX en Galiza. Tiñan 14 anos cando comezaron a traballar na fábrica de tecidos de Présaras. Cobraban 37 pesetas á semana, un salario que era a súa independencia, o empoderamento feminino antes de que o concepto chegara a nosa terra.

CATÁLOGO ILUSTRADAS (Consultoría e Formación SL.; 14.000 euros)

Deseño e edición dun Catálogo Feminista Ilustrado. Preséntase como ferramenta didáctica para que o profesorado poda incorporalo como materia transversal nas aulas, contemplando así unha perspectiva integral, sistémica e participativa.

ELISA E MARCELA A HISTORIA QUE PARECE CONTO (A Panadaría; 20.000 euros)

O espectáculo teatral “Elisa e Marcela”, da compañía A Panadaría, homenaxea e visibiliza a Elisa Sánchez Lorica (A Coruña, 1862) e Marcela Gracia Ibeas (Burgos, 1867), dúas mulleres que conseguen casar o 8 de xuño de 1901 na Igrexa de San Xurxo na Coruña para o que  Elisa ten que transformarse en Mario. 

JUANA_DOCENCIA (Noente Paradise SL.;18.000 euros)

O proxecto artístico está fundamentado na figura da escritora uruguaia de ascendencia galega Juana de Ibarborou (1892-1979) e a declarada influencia que sobre esta exerce Rosalía de Castro. Baixo a creación orixinal e dirección da poeta e performer Marina Oural _MOV- únense xénero, poesía, danza, música e creación escénica

O DIÑEIRO DAS MULLERES (Isabel Iglesias Oviedo; 16.000 euros)

A pesar dos atrancos e dificultades, as mulleres levan séculos exercendo e participando nas actividades produtivas, sendo protagonistas da súa supervivencia e contribuíndo a xerar riqueza e emprego. O diñeiro das mulleres busca capturar este coñecemento a través da narración cinematográfica.