Despedida de Goretti Sanmartín

Goretti Sanmartín, a vicepresidenta, responsábel da Área de Cultura e líder nacionalista no goberno de coalición na Deputación da Coruña, anunciou este xoves que non repetirá como deputada provincial no próximo mandato para concentrarse no traballo municipal na corporación de Compostela na que será portavoz do BNG.

Despedida de Goretti Sanmartín

"Hai catro anos comezaba a etapa máis intensa da miña vida política. Collía a responsabilidade de formar parte do goberno da Deputación da Coruña cun mandato ben claro. Mentres as deputacións existisen, o BNG traballará polo seu baleirado competencial, coa dotación financeira directamente aos concellos para estes decidiren en que investila, co estabelecemento da transparencia e a obxectividade como eixos básicos da actuación e coa aposta pola nosa cultura desde unha perspectiva que se plasmou no lema A cultura é un dereito, para todas as persoas, para todos os concellos.

 

En catro anos apenas descansei, para alén dalgúns festivos e domingos illados, 13 días dunha fantástica viaxe a Bretaña na mellor das compañías.

 

Pensei ao entrar que non iamos ser capaces de cumprir o reto, que era moita a transformación que se agardaba de nós. E, como a nosa extraordinaria compañeira Ánxela Franco, tamén sentía esa presión de que se notase o que ía acontecer eses anos na institución. Hoxe podo dicir, con toda a humildade e con todo o orgullo, que grazas a un magnífico equipo, démoslle unha volta moi importante ao xeito de funcionar e creamos estrutura para consolidar mudanzas de futuro que garantan apoio aos concellos e ao tecido social.

 

Ficaron algúns retos sen cumprir, é verdade, mais foron moitos os que se levaron a cabo, desde o plan único (de 24,5 millóns de euros aos 100 da actualidade) á revitalización e ordenación da Rede Cultural, pasando pola transversalidade con políticas culturais de xénero, de fomento da lingua e recuperación da memoria histórica.

 

Transformamos os parques de bombeiros nun servizo público, mudando o modelo de xestión, e puxemos a funcionar a Xunta pro devolución do Pazo de Meirás. Démoslle ao Estado, con diferentes estudos do máximo rigor mais sobre todo coa imprescindíbel axuda do gran Carlos Babío, case todo o traballo feito para pór a demanda contra os Franco e continuamos a reclamar coraxe por parte do goberno do Estado para rematar con esta inxustiza. Poden facelo, teñen todo o preciso. Agardamos que se produzan xa as novidades desexadas.

 

Puxemos en marcha o Quero cantar, que nos deu cancións inesquecíbeis, o Luísa Villalta para proxectos culturais pola igualdade, o Festival Rosalía, con esa Rosalía moderna, a superheroína fronte a unha liña clásica e reducionista que desbotamos desde o inicio, xornadas culturais e sociolingüísticas, unha liña de apoio a contidos audiovisuais na nosa lingua e outra de proxectos singulares, con valores acrecentados sobre o medio, a diversidade funcional, a participación ou a igualdade. E podería seguir....

 

Hoxe anunciei que vou cerrar unha porta para abrir outra, a da dedicación total ao proxecto que Santiago merece, para axudar a construír a Compostela do futuro.

 

Hoxe toca dar millenta grazas, a Carme, a Xavi, a Foxo, a Álvaro, a Regueira, a Suso, a Lolo, a Sílvia, a Gloria, a Mercedes, a Pispa, ás Manuelas, a Cris, a Jesús, a Susana, a Chus, a Inés, a Dores, a todo o equipo de Cultura, de Lingua e de Plans, ás persoas con quen traballei de maneira máis directa. Tamén a deputadas e deputados da corporación e, sobre todo, ás persoas que formaron parte da Comisión de Cultura e Lingua. Foron moitas horas de dedicación, moito construído para lle dar solidez a un proxecto en que xeramos moitas complicidades. Por iso agradezo tamén o apoio de axentes e entidades culturais e asociativas. Continuaremos véndonos, nos concertos, no teatro, nas presentacións de libros, no cinema, nas exposicións..... Porque a cultura continuará a ser o meu/o noso alimento diario.

 

E toca, por último, pedirlle a Ánxela que nos envíe algo do seu xenio e toda a súa enerxía para o período que imos comezar."