BENESTAR SOCIAL

A Deputación pon a disposición da Consellería de Política Social 27 prazas do centro Residencial Emilio Romay

Ánxela Franco, co conselleiro, na sinatura do convenio.
Ánxela Franco, co conselleiro, na sinatura do convenio.

Ánxela Franco e o conselleiro de Política Social asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a xestión do Fogar Infantil Emilio Romay, un centro de referencia en atención para crianzas.

A Deputación pon a disposición da Consellería de Política Social 27 prazas do centro Residencial Emilio Romay

A entidade provincial pon a disposición da Consellería de Política Social 27 das 45 prazas coas que conta o centro, para que Xunta de Galicia poida atender as necesidades das crianzas que tutela ou que se atopan en situación de garda. As 27 prazas definidas no convenio de colaboración están distribuídas en tres módulos ou unidades de convivencia, nomeadamente, un fogar de acollemento residencial para nenas e nenos de 0 a 15 meses, e dúas unidades residenciais para menores cuxa idade estea comprendida entre os 15 meses e os doce anos. Así mesmo, os servizos de atención formalizados no convenio de está mañá fican divididos en dúas modalidades, como son a atención residencial en réxime de internado e atención de día integral.

 

A deputada e responsable da área de Benestar Social, Educación e Igualdade, a nacionalista Ánxela Franco destacou “o grande labor que desenvolve  o persoal dun centro ao que queremos coidar especialmente xa que  as persoas usuarias son as máis vulnerábeis, nenos e nenas en situacións ás veces complexas”, e lembrou que a achega da Deputación da Coruña ao orzamento é case do noventa por cento da totalidade e instou á Xunta a que, cando menos, “equipare a súa achega á que fai aos centros de titularidade privada”.

 

O Fogar Infantil Emilio Romay orienta a súa actividade a atender as necesidades de nenas e nenos e apoiar as súas familias para superar as dificultades sociofamiliares polas que poidan atravesar e así mellorar a súa autonomía na crianza dos menores. O centro desenvolve un Programa socioeducativo de carácter psicosocial,  nun ambiente educativo e terapéutico, cun conxunto de tarefas e actividades que se complementan, dando un significado integral á intervención coa/co nena/o e a súa familia.