Denuncia dos recortes e apoio á protesta de SOS Sanidade Pública

Pleno do 1 de febreiro na Deputación.
Pleno do 1 de febreiro na Deputación.

O pleno da Deputación chama á participación na manifestación convocada para o domingo en Compostela.

Denuncia dos recortes e apoio á protesta de SOS Sanidade Pública

O pleno da Deputación da Coruña acordou o pasado venres unha moción de apoio ás reivindicacións da plataforma SOS Sanidade Pública contra os recortes no sistema sanitario público de Galicia e animando á cidadanía a participar na manifestación en defensa do dereito a un sistema público de atención sanitaria de calidade convocada para o vindeiro 10 de febreiro en Santiago de Compostela.

 

A moción foi aprobada cos votos favorables do PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños e o voto en contra  do Partido Popular, que argumentou “unha utilización política da sanidade”.

 

Os portavoces dos diferentes grupos, agás o PP, denunciaron os sucesivos recortes que está a experimentar a sanidade pública en Galicia e mostraron o seu apoio ás reivindicacións da plataforma, integrada por profesionais da sanidade. O texto da moción incide en que os servizos de Urxencias, PACs e Atención Primaria son o ámbito da sanidade que está a sufrir con maior intensidade os progresivos recortes orzamentarios que se están levando a cabo dende o Goberno galego, “cun recorte orzamentario acumulado de 2.188 millóns de euros menos dende o ano 2009”.

 

Neste sentido, o texto refrendado polo pleno provincial afirma que se está a producir un “evidente deterioro do sistema sanitario galego, que ten como consecuencia a masificación das consultas, a redución de profesionais ou o aumento das listas de espera”, que xeran unha preocupación unánime entre sindicatos, colexios profesionais, plataformas sanitarias e  doentes, “polo que demandan a rectificación por parte da Xunta de Galicia no que ten que ver coa política privatizadora dos sistema sanitario público galego”.