A Coruña máis accesíbel co esforzo da Deputación

Presentación este venres das conclusións do programa 'Di Coruña Accesible'.
Presentación este venres das conclusións do programa 'Di Coruña Accesible'.

Análise, detección de problemas, formación, sensibilización e propostas de solucións compoñen a iniciativa da Área de Igualdade que conclúe despois de catorce meses e sitúa á Deputación á cabeza na accesibilidade.
 

A Coruña máis accesíbel co esforzo da Deputación

A área de Servizos Sociais e Igualdade da Deputación da Coruña que dirixe a deputada Ánxela Franco, presentou as conclusións do programa Di Coruña Accesible e as medidas que tomará de cara á eliminación de barreiras. "Trátase dun importantísimo paso adiante na accesibilidade universal desde unha institución", defende Ánxela Franco que sitúa á Deputación da Coruña como institución pioneira en accesibilidade.

 

"O programa conseguiu involucrar ao persoal no proceso de lograr a accesibilidade total e supón un cambio de rumbo xa que conseguimos ter as ferramentas para lograr o obxectivo de eliminar as barreiras de forma total, e deseñar unha folla de ruta que sitúa á Deputación da Coruña na cabeza das institucións accesíbeis", sinalou a deputada Ánxela Franco que defendeu a súa aposta por materializar as medidas que se inclúen nas conclusións do programa.

 

Entre as pautas de intervención e as propostas que se apuntan no programa están a dotación dunha partida de investimentos para eliminación de barreiras, implementación nas licitacións de medidas de accesibilidade, creación de materiais, fomento de banco de axudas técnicas, programas de formación específica para persoal de concellos, fomentar a elaboración de regulacións en materia de accesibilidade, elaboración dun protocolo de trato ás persoas con discapacidade ou fomentar e financiar plans de mobilidade urbana municipais.