A Coruña afiánzase como destino turístico na Feira Ibérica da Guarda

"Cumprimos co obxectivo que tiñamos como destino convidado de traer á Guarda unha mostra do que é o territorio, así como tamén a gastronomía da provincia". Así resume o deputado provincial de Turismo, Xosé Regueira, o paso da Área de Turismo da Deputación da Coruña pola Feira Ibérica, que se celebrou a principios de maio na Guarda, e na que a institución galega participou como destino convidado.

A Coruña afiánzase como destino turístico na Feira Ibérica da Guarda

Como vén sendo habitual na presenza en feiras turísticas, a Deputación da Coruña actuou como medio para a participación activa dos concellos na feira, e, neste sentido, representantes institucionais municipais asistiron ao encontro da Guarda e se involucraron na preparación e oferta dos seus propios produtos.

 

Co obxectivo de promocionar a gastronomía contemporánea, a institución galega apostou por levar por primeira vez á Guarda ao colectivo "Coruña Cociña", que tivo unha presenza singular e exitosa no programa da FIT con presentacións e showcookings a cargo dos cociñeiros Chisco Jiménez, Álvaro Gantes, Pablo Pizarro, Tino Otero ou Antonio Amenedo.

 

Así mesmo, a maridaxe de produtos dos concellos do Camiño Inglés como as troitas de Oroso, as mostras das empanadas de Carballo, concello que tamén achegou pan de ovo e o seu tradicional pan, as troitas de Zas e os queixos da Capela e Moeche foron algúns dos outros produtos gastronómicos que se converteron en estrela da oferta do sector no amplo programa da feira.

 

Ademais, nos espazos reservados pola Deputación da Coruña animaron a oferta propostas como o asalto ao Castelo de Vimianzo, a olería de Buño ou a actividade artesanal das redeiras de Malpica. Os concellos de Moeche, A Capela, Malpica, Carballo, Ponteceso, Laxe, Oroso, Vimianzo e Camariñas tiveron, desta maneira, unha presenza activa no evento, protagonizando actividades específicas de preparación, degustación e mostra de produtos aínda que, a través da Deputación, difundíronse na Guarda a oferta da totalidade do territorio a través dos seis xeodestinos que conforman a estratexia promocional da área de Turismo da Deputación.