O grupo provincial do BNG critica a situación de "peche agónico" de Alcoa

Rolda de prensa esta mañá do BNG e os representantes sindicais de Alcoa na Coruña.
Rolda de prensa esta mañá do BNG e os representantes sindicais de Alcoa na Coruña.

O BNG segue do lado do persoal de Alcoa e chama á mobilización do domingo.

O grupo provincial do BNG critica a situación de "peche agónico" de Alcoa

O grupo do BNG na Deputación da Coruña mostrou o seu apoio ao Comité de Empresa de Alcoa ao que lle trasladou a súa decisión de defender por todos os medios a continuidade da planta da Coruña. Na xuntanza participou tamén a voceira do BNG, Ana Pontón

 

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, foi contundente nas súas declaracións á hora de defender a necesidade de sumar forzas para "conseguir que Alcoa non se peche". Nunha xuntanza en que tamén participou o voceiro do grupo, o deputado Xosé Regueira, Goretti Sanmartín explicou que quixeron convocar a xuntanza para contrastar cos traballadores a situación antes da data do vindeiro 15 de xaneiro sinalado como posíbel día de anuncio do peche da planta. 

 

"Comprobamos que os traballadores se senten enganados nunha situación que parece anunciar un peche agónico, unha proposta que non satisfai aos traballadores nin a nós como BNG", defendeu Goretti Sanmartín que fixo tamén un chamamento á "defensa dos postos de traballo de Alcoa, dun sector estratéxico para a Coruña e para o conxunto do país que non podemos permitirnos o luxo de ver como pecha". Convidou, neste sentido, a participar na manifestación que se desenvolverá o vindeiro domingo, día 13 de xaneiro, na Coruña. 

 

Ademais de Goretti Sanmartín e Xosé Regueira, na xuntanza participou a voceira do BNG, Ana Pontón, a concelleira de Arteixo, Silvia Seixas, o deputado no Parlamento Galego, Xosé Luís Rivas e o candidato da Coruña, Francisco Jorquera. Na xuntanza, manifestaron o seu apoio a traballadoras e traballadores e defenderon a necesidade dunha tarifa eléctrica galega como solución para a viabilidade do sector industrial galego.

 

Ademais, Ana Pontón anunciou que as nacionalistas van pedir a celebración dun pleno extraordinario a vindeira semana coa comparecencia do presidente da Xunta, despois de que as últimas reunións celebradas en Madrid coa multinacional non fixeran máis que confirmar a intención da empresa de pechar a súa planta na Coruña. “Se hai algunha cuestión que merece un pleno extraordinario é garantir 400 postos de traballo na Coruña, o Goberno debe estar á altura das circunstancias aínda que sexa no tempo de desconto xa que non o fixo até agora e, como país, temos que reaccionar”, indicou Pontón tras censurar o mutismo de Feixóo. “Debe saír do seu silencio e poñerse á fronte para buscar unha solución”, recalcou Ana Pontón.