BENESTAR SOCIAL, EDUCACIÓN E POLÍTICAS DE IGUALDADE DE XÉNERO

Balance 2017 (V): Benestar e Igualdade, unha Deputación para as persoas

Ánxela Franco, responsábel de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero.
Ánxela Franco, responsábel de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero.

O compromiso coas persoas empeza polas máis desfavorecidas. Desde a súa área, Ánxela Franco continuou este ano impulsando políticas para mellorar as prestacións de servizos sociais. Tamén foi o departamento encargado de impulsar unha acción institucional desde unha visión feminista.
 

Balance 2017 (V): Benestar e Igualdade, unha Deputación para as persoas

Unha acción política pensada nas persoas, en especial, nas máis necesitadas, é a que defende desde a área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero a deputada nacionalista Ánxela Franco con importantes programas encamiñados á mellora das condicións de vida das persoas, principalmente as máis desfavorecidas. 

 

Neste sentido, os servizos sociais son “básicos nunha política que pensa nas persoas que teñen máis necesidades e esta é a obriga fundamental para unha administración que teña a xustiza social como un dos seus obxectivos”, sinala Ánxela Franco. Desta maneira, desde o ámbito do Benestar Social promóvense e afortálanse numerosos programas entre os que destacan: 

 

Os Servizos Sociais Comunitarios. A área que dirixe Ánxela Franco destina 7 millóns de euros ao programa de financiamento dos Servizos Sociocomunitarios Municipais, un programa que ten como obxectivo asistir económica, técnica e xuridicamente, aos 82 concellos e corporacións municipais da provincia de menos de 20.000 habitantes. O orzamento  representa un incremento de 2.883.809 euros respecto do exercicio anterior. A Deputación da Coruña financia os servizos sociais comunitarios desde o ano 1996 mais foi a partires de 2012 que tivo que facelo obrigatoriamente xa que a Xunta deixou de financiar este servizo para os concellos menores de 20.000 habitantes. 

 

A Teleasistencia domiciliaria conta cun orzamento de 437.094 euros anuais, financiado ao 100% pola Deputación da Coruña. Este programa de telealarmas que directamente dá servizo a 2.403 persoas distribuídas en 88 concellos. 

 

A Diagnose de Servizos Sociais coa que se pretende dotar dunha ferramenta de detección de necesidades en materia de servizos sociais así como propoñer liñas de acción xeral  neste ámbito en función das necesidades detectadas. Queremos ter claro que recursos temos, como están estruturados, cales son as eivas e deste xeito poder planificar chegando máis e mellor ás persoas.

 

Área de Igualdade

En canto a área de Igualdade e a loita contra a violencia de xénero, prioridade do goberno, desde a Deputación da Coruña desenvólvense, entre outros, os seguintes programas: 


Presentación Plan Comparte con Ánxela Franco esta sexta na Deputación (3)Diagnose de Igualdade. Compartimos Plan é a estratexia para elaborar, de maneira participativa, un estudo de diagnose e plan de acción das políticas de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención da violencia de xénero na provincia da Coruña. Mediante un proceso colaborativo, participativo, e coordinado, analizaranse en profundidade a realidade das políticas de igualdade dos municipios da provincia e da Deputación da Coruña. para dar resposta ás necesidades emerxentes e abordar as desigualdades aínda presentes entre mulleres e homes no territorio. 

 

O programa Quen dixo medo? vai destinado a concellos con menos de 20.00o habitantes.  A campaña desenvolve accións de sensibilización para a prevención da violencia de xénero, trata de desmontar os mitos e estereotipos en torno á violencia para apostar pola responsabilidade social, visibilizar e informa para tomar conciencia e actuar e fomenta o cambio de crenzas e actitudes ademais de implicar a toda a poboación. En definitiva, o obxectivo é dotar á poboación dos mecanismos, coñecementos e habilidades precisos para detectar as diversas manifestacións da violencia de xénero e actuar de xeito contundente ante ela.

 

Videoforum deporte feminino é unha campaña de difusión e debate sobre deporte feminino. Despois de producir o documental titulado Contra os elementos artéllase arredor del un circuíto de viodeoforums, 23 en total, que vai percorrer as 18 comarcas da Coruña e nos que se tratarán a situación do deporte feminino, as distintas modalidades  deportivas, a situación do deporte de base e de elite e cal é a situación das deportivas.