TURISMO

Balance 2017 (IV): Aposta pola profesionalización no sector turístico

Camiño dos Faros. Pola enseada da Baleeira cara ao Peñón de Soesto.
Camiño dos Faros. Pola enseada da Baleeira cara ao Peñón de Soesto.

A mellora da calidade dos servizos de atención turística, a profesionalización do sector e a contratación de persoal técnico son os obxectivos cos que a área de Turismo desenvolveu a súa actividade neste 2017.

Balance 2017 (IV): Aposta pola profesionalización no sector turístico

Entre outras liñas de intervención, a área de Turismo achegou 700.000 euros para a contratación de especialistas en información turística nos concellos de menos de 50.000 habitantes. En total, son medio cento de concesións de axudas para concellos e agrupacións de concellos que están a ver reforzados os seus servizos nun esforzo que, segundo o deputado nacionalista Xosé Regueira, “responde ao obxectivo de profesionalización da atención turística para a mellora da calidade da oferta, ademais de contribuír á creación de emprego nun sector de interese para ao desenvolvemento económico dos concellos”.

 

Promoción do territorio a través dos seis xeodestinos 

 

O goberno da Deputación promociona unha nova estratexia do sector que se materializa na aposta por seis xeodestinos que destacan pola oferta de turismo de calidade e sostíbel. Rías Altas: Ferrolterra e Eume, Rías Altas: A Coruña e As Mariñas, Costa da Morte, Terras de Santiago, Rías Baixas: Ría de Muros e Noia e Rías Baixas: Ría de Arousa son os seis destinos que centran a promoción turística da Deputación que aposta pola diversificación, a mellora na oferta e a planificación con produtos especiais como o apoio ao Camiño dos Faros ou a proposta do xeoparque arqueolóxico da Mahía

 

A área de Turismo da Deputación e a Asociación o Camiño dos Faros escolleron o Cabo Vilán a comezos de novembro para rubricar un acordo polo que Deputación da Coruña achega 78.152 euros, o 80% do total do orzamento para financiar o plan de actuacións necesarias para a homologación como Senda de Gran Percorrido (GR) do Camiño dos Faros.

 

A homologación pretende converter o Camiño en eixo vertebrador do turismo da comarca. No proxecto inclúese a diagnose e estudo de definición da senda, a execución de intervencións como homologacións da Federación Galega de Montañismo ademais de topoguía, sinalización e panelización e, finalmente, estudo e execución das medidas e obras de acondicionamento.

 

A nova web

 

Por outra banda, a Deputación financiou a incorporación de persoal técnico ás oficinas de información turística en 53 dos concellos da provincia cun orzamento de 700.000 euros que se complementaron con 350.000 euros da liña de apoio a Museos e Centros de Interpretación. Neste esforzo por profesionalizar e modernizar o sector a nova plataforma de promoción turística está dispoñible desde setembro en http://turismo.dacoruna.gal/