CULTURA

Balance 2017 (II): Cultura en cada concello, cultura para todas

Festival Rosalía en Compostela o pasado mes de setembro.
Festival Rosalía en Compostela o pasado mes de setembro.

Cultura en cada concello, cultura para todas as persoas é o lema que preside a posta en marcha dun novo modelo en que o acceso e a vivencia da cultura se considera un dereito.

Balance 2017 (II): Cultura en cada concello, cultura para todas

Desde a área de Cultura estase apostando por un xiro radical na política cultural. Con este fin impulsamos unha nova política de axudas a concellos e entidades e desenvolvemos a programación dunha Rede Cultural fortalecida e actualizada, que garante unha ampla oferta de cinema, teatro, música e danza en todos os concellos, incluídos os máis pequenos. 

 

Construímos cultura de mans dada con todos e todas: coas entidades representantes dos sectores, cos creadores e creadoras e coa sociedade en xeral á que está destinada a nosa política. As liñas de axudas promovidas desde a área que preside Goretti Sanmartín orientáronse nestes dous anos á concorrencia competitiva, con criterios claros e transparentes, sen discrecionalidade, e apoian ás asociacións que crean desde a base, ás entidades da cultura popular e tradicional, aos festivais de música, cinema e artes escénicas, ademais de dotar de persoal técnico aos museos e centros de interpretación municipais e ás propias áreas de cultura dos concellos. 

 

Outra liña esencial é o apoio á formación e á creación, a través dos premios e bolsas de investigación e creación artística. “Queremos que a cultura chegue a todos os concellos e a todas as persoas e iso é o que conduce o noso traballo, que desenvolvemos de mans dadas cos propios concellos, co tecido asociativo e con todas as persoas que contribúen á gran creatividade da nosa cultura”, sinala Goretti Sanmartín. 

 

Cultura como ferramenta para a igualdade 

 

“Queremos que a cultura sexa unha ferramenta para a igualdade e, por iso, botamos a andar dúas iniciativas das que nos gabamos, como son o Premio Begoña Caamaño e o Concurso de ideas Luísa Villalta de proxectos culturais pola igualdade”, defende Goretti Sanmartín de dúas iniciativas que botou a andar a Deputación da Coruña neste mesmo ano. A igualdade é, alén disto, un principio transversal a todas as actuacións, tanto nas programacións propias como nos xurados de premios e bolsas ou na mesma maneira de concibir as accións en política cultural. 

 

Cultura de mans dadas cos concellos 

 

A través da Deputación da Coruña garántese unha boa oferta cultural en todos os concellos, por medio da Rede Cultural –dotada con 2 millóns de euros-, o novo programa expositivo DAC_Visuais e a liña específica de apoio a festivais de cinema, música e artes escénicas.  Co apoio da Deputación, os concellos están a contratar  persoal da área de cultura: en 2017 un total 16 técnicos e técnicas de xestión cultural, de 53 animadores e animadoras socioculturais e de 39 técnicos e técnicas para a atención e dinamización dos museos e centros de interpretación dos concellos da provincia. Ademais, financia o funcionamento de Escolas de música, Escolas de danza e Conservatorios Municipais reciben tamén o apoio da Deputación da Coruña.  

 

Festival Rosalía no Teatro Rosalía na Coruña

A lingua como prioridade 

 

A aprobación en maio de 2016 da ordenanza de uso da lingua galega, o documento oficial que impulsa e inclúe o uso da nosa lingua en todos os ámbitos de actuación supón subir un importante chanzo para fomentar o uso do galego na Deputación da Coruña. A ferramenta, de especial relevancia, acompaña iniciativas de colaboración con asociación e proxectos de dinamización lingüística como o Correlingua, Youtubeir@s ou Tíralle da Lingua e entidades como a Mesa pola Normalización Lingüística, a AS-PG ou a Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística para promover o uso do galego, de maneira especial, entre a xente nova. Coa MNL participou no proxecto Tosta de linguas minorizadas. 

 

Outra das liñas fundamentais é o financiamento dos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos aos que destina un total de 456.000 euros. En total, 49 concellos e unha mancomunidade son os beneficiarios da liña da Deputación que duplicou a axuda que se lle concede aos concellos con destino aos servizos, de 6 a 12.000 euros. Ademais, impulsamos o concurso Quero Cantar, que quere contribuír ao uso do galego entre nenos e nenas por medio da canción cun singular suceso na súa segunda edición que demostra que o concurso “da rá” medra cada ano.