A axuda ao sector cultural toma un novo impulso

Do millón de euros en dúas convocatorias de 2015 pasa a tres millóns e medio en oito liñas de axudas para a cultura de base.

A axuda ao sector cultural toma un novo impulso

"O número de convocatorias e o orzamento supoñen un cambio substancial na xestión cultural, que centra a súa actuación en liñas de axuda públicas con criterios obxectivos, incrementando o apoio ao sector que crea e difunde cultura mais eliminando o clientelismo. Na área de Cultura da Deputación da Coruña conseguimos que a xestión fose transparente e con convocatorias abertas a todo o sector", explica a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.

 

A área de Cultura da Deputación da Coruña triplica o orzamento destinado ao apoio da cultura de base chegando nesta nova convocatoria a 3.465.000 euros, en oito liñas de axuda en concorrencia competitiva fronte ás dúas que se publicaban no anterior mandato. A estas liñas hai que sumar ás destinadas aos concellos e á Rede Cultural que  tamén duplica o orzamento.

 

A Deputación da Coruña experimentou unha modificación radical do modelo de xestión ao centrar o apoio ao sector cultural en liñas de axuda en concorrencia competitiva, con criterios obxectivos, que se consolida no actual exercicio cun orzamento que multiplica por tres e medio o anterior e cuadriplicando o número de convocatorias, para adaptalas as necesidades e a natureza do ámbito cultural. A convocatoria de liñas de axuda está aberta até o vindeiro 15 de febreiro.

 

Dunha convocatoria xeral para entidades culturais pasouse a un panorama en que, ademais da liña á que concorren as asociacións para actividades e investimentos (dotadas con 1.000.000 e 300.000 euros respectivamente) súmanse seis convocatorias máis entre as que está a destinada a entidades ou fundacións que sexan titulares de museos, centros de interpretacións ou bibliotecas que optan a un orzamento de 465.000 euros. A cultura popular representada por corais polifónicas, bandas de música populares, entidades de música e baile tradicional e formacións musicais de grande formato contan tamén con dúas liñas de axuda específica creadas no presente goberno, unha delas dotada con 480.000 euros  para actividades e outra con 195.000 euros para investimentos.

 

De nova creación é tamén a convocatorias destinadas a festivais que suman máis dun millón de euros, 500.000 para os organizados por entidades. A estas partidas súmanse tres convocatorias ás que poden concorrer empresas do sector cultural como son as de proxectos singulares, con 200.000 euros, a de distribución audiovisual en galego, con 125.000 euros e á de proxectos culturais pola igualdade, Luísa Villalta, que está dotada con 200.000 euros.