IGUALDADE

Ánxela Franco avanza unha ambiciosa aposta pola igualdade de xénero

Presentación esta mañá na Deputación con Ánxela Franco e as responsábeis do programa.
Presentación esta mañá na Deputación con Ánxela Franco e as responsábeis do programa.

A Deputación da Coruña bota a andar o Proxecto de Diagnose e Plan de Acción das Políticas de Igualdade de Xénero “Compartimos Plan”

Ánxela Franco avanza unha ambiciosa aposta pola igualdade de xénero

Ánxela Franco, responsábel da Área de Benestar Social e Igualdade da Deputación da Coruña, presentou esta mañá o proxecto Compartimos Plan, un programa para implantar a igualdade de xénero como valor central na cultura organizativa da Deputación e unha ferramenta para coñecer o territorio, as necesidades e eficacia das políticas de igualdade.

 

Compartimos Plan traballará nos próximos 18 meses nun programa en catro fases e pretende contar coa participación de axentes chave nas 18 comarcas da provincia a través dun cuestionario, foros de participación e grupos de traballo. 

 

“O obxectivo é ter un coñecemento exhaustivo da realidade social e dos medios cos que contamos para logo poder actuar”, explicou Ánxela Franco. A deputada nacionalista indicou que o catálogo de recursos do que se pretende dotar á administración pública, empezando pola propia Deputación, é amplo, desde o vocabulario inclusivo até “un simple comedor nesta casa para que a xente que concilia teña un refuxo onde sentarse e tomar o seu xantar”.

 

“Esta é unha ferramenta para poñer a disposición das asociacións, dos concellos, da propia administración para que os investimentos vaian dirixidos onde máis se precisan”, insistiu Franco, que estivo acompañada por dúas responsábeis da consultora Deloga, encargada de desenvolver o programa, Eva Garabal e Marta Piñeiro, e tamén pola técnica do seu departamento, Eva Obenza, que definiu o proxecto como "estratéxico e vivo, operativo e viábel, que terá en conta os recursos e pretende crear sinerxías e grupos de traballo, nun proceso participativo que se desenvolverá por todas as comarcas". 

 

Compartimos Plan consta de catro fases diferenciadas e unha máis de preparación. A fase 1 ten un carácter informativo e de difusión do proxecto, a fase 2 é de diagnose, a fase 3 dedícase á elaboración do plan de acción, e a 4ª e última resérvase para a difusión do Plan para a Igualdade de Mulleres e Homes.

 

A duración dos traballos de Compartimos Plan é de 18 meses, período durante o cal se utilizarán diferentes estratexias de comunicación; dípticos, carteis, perfís nas principais redes sociais (Facebook, Twiter e Instagram) e unha web propia www.compartimosplan.com, ferramenta esta última na que poder consultar todas as novas, eventos, os resultados máis destacábeis dos traballos en cada unha das fases do proxecto.

 

Vídeo da presentación en YouTube: https://youtu.be/vA9xFcquudM