Achega da Deputación para a acollida de vítimas de violencia de xénero na Coruña

Anxela Franco asina o convenio con Rocío Fraga
Anxela Franco, con Rocío Fraga, onte na sede da Deputación.
Achega da Deputación para a acollida de vítimas de violencia de xénero na Coruña

"Desde a área de Igualdade da Deputación da Coruña temos un compromiso activo nas políticas contra a violencia contra as mulleres, no acompañamento ás vítimas e, de maneira especial, no traballo coa xente nova porque, para nós, é a mellor maneira de construír unha sociedade igualitaria e sen machismo", dixo a deputada da área de Igualdade e Servizos Sociais, Ánxela Franco, onte durante o acto de presentación do convenio de colaboración polo que a Deputación colabora co Concello da Coruña no financiamento do mantemento da casa de acollida e dous pisos de inclusión. 

 

A Deputación colabora, desta maneira, nos recursos residenciais e temporais da rede municipal de acollida de mulleres da Coruña cunha achega de 111.950 euros que compromete ao concello a reservar 9 prazas, 7 na casa de acollida e 2 nos pisos. As casas da Coruña forman parte do programa de apoio á Rede de Acollemento para Mulleres en Situación de violencia de Xénero (PRAM) da Deputación da Coruña que vén de ser recoñecido pola Secretaría de Estado de Igualdad e a Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) polas súas prácticas contra a violencia de xénero.

 

"Estamos a falar de mulleres en situación de vulnerabilidade extrema, que teñen que sentirse acompañadas desde o primeiro momento, desde cando deciden abandonar as súas casas ou cando fan a súa denuncia e non poden volver ao lugar que compartiron co maltratador. Sabemos que son situacións de risco extremo e as institucións teñen que habilitar recursos para que non se produza o abandono nese momento que é unha das situacións nas que se está a producir o feminicidio", explicou Ánxela Franco.

Achega da Deputación para a acollida de vítimas de violencia de xénero na Coruña