A Xunta Pro Devolución reactiva a demanda social para recuperar o Pazo de Meirás

Xunta pro Devolución Pazo
Xunta pro Devolución Pazo.

Apenas unha semana despois de que activistas e militantes nacionalistas declararan no Xulgado de Betanzos por unha acción de reivindicación do Pazo de Meirás, e cando tanto a Familia Franco como a Fundación Francisco Franco insisten en obstaculizar o proceso de recuperación do espazo, a Xunta Pro Devolución volverá reunirse na Deputación para volver impulsar a fronte institucional.

A Xunta Pro Devolución reactiva a demanda social para recuperar o Pazo de Meirás

A Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás reunirase de novo este venres con carácter de urxencia para analizar a nova situación creada despois de que un dos descendentes de Francisco Franco rexistrase na Xunta de Galicia a comunicación que mostra a súa intención de venda do inmoble, condición que a lei marca para dar oportunidade ao goberno galego a exercer o dereito de tanteo ao se tratar dun Ben de Interese Público.

 

"Hai indicios abondo para pensar que os netos de Franco queren reeditar o contrato de compra-venda ficticio feito polo ditador para conseguir un documento de propiedade privado do Pazo de Meirás mais, neste caso, á inversa, intentando facer unha venda ficticia que o poña en mans dunha empresa do seu dominio", lembra a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, que urxe desta maneira "a activar todas as institucións implicadas para impedir unha nova fraude e que a familia Franco blinde a propiedade que obtiveron por medio dun grande espolio".

 

Entre os puntos do día da xuntanza inclúese dar conta dun grande acto público que se desenvolverá neste último trimestre do ano ademais de analizar e tomar decisións sobre a nova situación que se abre despois das accións emprendidas polo neto de Franco.

 

"Do que temos certeza, segundo puidemos falar con boa parte dos membros da Xunta pro Devolución, é do interese en axilizar o proceso para impedir que a familia Franco continúe gozando do Pazo", explicou Goretti Sanmartín que demandou tamén "compromiso real de todas as administracións implicadas para iniciar coa máxima urxencia o proceso xudicial para recuperar o Pazo de Meirás como ben público".

A Xunta Pro Devolución reactiva a demanda social para recuperar o Pazo de Meirás